Post on 16-Oct-2019
ESTUDO SOBRE AS
ESPONXAS VEXETAIS
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
2
ÍNDICE
Páx.
1. INTRODUCIÓN. .......................................................................... 3
2. A LUFFA. .................................................................................... 4
2.1. O Cultivo. ............................................................................ 5
3. UTILIDADES. .............................................................................. 7
4. CONCLUSIÓNS. .......................................................................... 9
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS. .................................................. 10
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 3
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
1. INTRODUCIÓN.
O presente estudo pertence a nunha liña de traballo da
asociación AXEL que ten por obxectivo a detección de oportunidades de
negocio para as zonas rurais da provincia de Lugo. Nese proceso de
busca descubrimos que nos anos sesenta era moi común o uso das
esponxas vexetais para o aseo diario, de xeito que na maioría dos
fogares españois se dispuña delas. Os avances tecnolóxicos na industria
levaron as esponxas sintéticas de goma-espuma ao mercado e o, non
sempre ben entendido, desenvolvemento económico, fixo que
reemprazasen rapidamente ás vexetais, que caeron en desuso.
Pero, ¿que é unha “esponxa vexetal”?. É o froito dunha planta
tropical que no seu interior está formado por unha densa rede de fibras
vexetais que forman un cilindro oco. Trátase dun produto natural,
ecolóxico e biodegradable que ten múltiples aplicacións, aínda que o seu
uso maioritario é para o mantemento da hixiene corporal.
Actualmente as esponxas vexetais estanse convertendo nun
produto cada vez máis utilizado, xa sexa por unha conciencia dos
consumidores máis ecolóxica na que se valora o natural e o respecto ao
medio ambiente, porque se coñecen e valoran as súas propiedades, ou
simplemente pola facilidade de acceso, xa que se atopa dispoñible en
establecementos de venda de produtos de hixiene corporal e farmacias,
a prezos accesibles. Outra razón pola que a súa comercialización vai en
aumento é que serven de materia prima para a elaboración de múltiples
produtos que dan resposta a moitas das necesidades cotiás das
persoas, dende soletas para calzado ata recheos para colchóns ou
cestos.
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 4
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
2. A LUFFA.
As esponxas vexetais obtéñense dos froitos dun grupo de sete
especies de plantas tropicais que pertencen ao xénero Luffa, único
xénero da subtribo Luffinae, dentro da familia das cucurbitáceas. Son
plantas gabeadoras, que poden alcanzar máis de 15 metros de
lonxitude. De orixe asiática, medran silvestres na zona do Amazonas.
Desenvólvense mellor en zonas de temperaturas altas, adaptándose
tamén a climas temperados, a pesar de que a súa fibra perde
elasticidade e resistencia.
Imaxe 1: Debuxo de Luffa aegyptiaca L.
Fonte:
https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/24/Luffa_aegyp
tiaca_Blanco2.334-cropped.jpg/220px-Luffa_aegyptiaca_Blanco2.334-
cropped.jpg
Cada planta ten flores masculinas e femininas. Os froitos son
alongados cun tamaño medio de 25 centímetros, podendo chegar
incluso ata o medio metro. Presentan cor verde con liñas máis escuras
que tenden a poñerse de cor amarelo alaranxado no momento da
colleita.
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 5
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
2.1. O Cultivo.
Para obter as sementes débense seleccionar os mellores froitos e
deixar que sequen na propia planta. Cada froito contén no seu interior
arredor de 500 sementes que se extraen cortando a punta do exemplar
seco.
A sementeira realízase na primavera, ben de forma directa ou ben
facilitando a xerminación con transplantado posterior. Na sementeira
directa trázanse filas cunha separación de 1,50 m. entre si, cunha
separación entre plantas dentro da mesma fila de 70 cm. En cada un
dos ocos colócanse tres sementes, deixando máis adiante só as plantas
máis fortes.
Os solos deben ser ricos en nitróxeno e fósforo, e contar cunha
moi boa drenaxe. Non se desenvolve ben en zonas próximas ao mar, xa
que se ve prexudicada pola salinidade.
Necesita rego no verán, como mínimo unha ou dúas veces por
semana, mantendo o solo sempre ben drenado, e hai que realizar os
labores necesarios para manter o solo libre de vexetación adventicia.
As flores, que aparecen en torno ao mes trala xerminación, deben
ser eliminadas de igual forma que calquera outra rama secundaria,
para que a rama principal chegue ao soporte.
Para evitar o ataque das pragas o mellor é evitar o uso de
produtos químicos de síntese. Para o control dos ataques de insectos
aconséllase utilizar plantas resistentes e eliminar aquelas que poidan
estar enfermas.
A colleita realízase en outono. O proceso de preparación da
esponxa consiste en retirarlle a pel e o baleirado interior das sementes.
Unha vez limpas déixanse secar durante aproximadamente sete días
nun lugar ventilado, á sombra. Nunca se deben expoñer ao sol xa que a
estrutura se volvería máis áspera.
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 6
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
Opcionalmente, pódese branquear a esponxa, mediante a
inmersión en auga cunhas pingas de hipoclorito. Posteriormente
vólvense a mergullar en auga limpa e cólganse ata que sequen.
Outra alternativa é o tinguido da esponxa para darlle distintas
tonalidades de cor e conseguir maior variedade de referencias de venda.
Para que non perdan a condición de produto “natural” débense utilizar
tinturas naturais, e preferiblemente ecolóxicas.
Tralo secado final, o produto queda preparado para o envasado e
comercialización.
Imaxe 2: Detalle dunha planta de Luffa cultivada.
Fonte: http://blog.cultivosaltec.com/wp-content/uploads/2012/11/P1010008.jpg
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 7
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
3. UTILIDADES.
As aplicacións ás que se poden destinar as esponxas vexetais son
variadas.
Hixiene corporal e facial: é o uso que se lles deu tradicionalmente, e
por tanto, ao que se destina maioritariamente. Resulta beneficiosa para
a saúde por varios motivos: estimulan a circulación sanguínea de forma
natural e non deixan residuos nocivos na pel, ao contrario que as
sintéticas, exfolian e eliminan as células mortas da epiderme e
contribúen a evitar a aparición da celulite.
Está indicado o seu uso como exfoliante facial natural para peles
graxas, xa que as súa textura favorece a apertura dos poros, facilitando
a limpeza e evitando molestos brillos. Recoméndase esta aplicación
unha vez por semana.
Produto de limpeza: como estropallo natural para lavar a vaixela,
permitindo unha limpeza de calidade e coidando a pel das nosas mans.
Outros usos: elaboración de cepillos para os pés, soletas para o
calzado, chancletas, zapatillas, luvas, cubreasentos para os vehículos,
recheos para colchóns ou cestos, filtros, illantes acústicos, etc.
No caso das aplicacións para hixiene corporal e facial é
importante que despois de cada uso se coloquen nun lugar ventilado no
que se facilite o seu secado. Doutro xeito, debido á súa estrutura e
composición orgánica, pode converterse nun substrato sobre o que
proliferen bacterias que poden resultar prexudiciais para a saúde.
Recoméndase facilitar o secado da esponxa despois de cada uso,
substituíla periodicamente (cada tres meses como moito, ou cando se
observen cambios de olor ou de cor). Para extremar as medidas
hixiénicas de conservación da esponxa pódese, de cando en vez,
introducir no microondas (mollada, dentro dun recipiente apropiado)
durante 20 segundos, ou mergullala nunha disolución de auga cun 5%
de hipoclorito.
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 8
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
Existen outras esponxas “vexetais” que se elaboran a partir de
celulosa, que se extrae da madeira das árbores ou dos seus residuos,
polo que se trata dun proceso de transformación ou fabricación. As
verdadeiras “esponxas vexetais”, non se “fabrican”, senón que se
“producen” e, sobre todo, teñen as propiedades beneficiosas que se
detallaron nos parágrafos precedentes, mentres que as fabricadas a
partir de celulosa carecen delas.
Tamén existen outras esponxas de orixe mariña. Aínda que o
aspecto poida ser moi semellante ao das esponxas vexetais, en realidade
non son “vexetais”, senón “animais”, invertebrados acuáticos
pertencentes ao filo Porifera. Existen unhas 9.000 especies (Chapman,
A. D., 2009), maioritariamente mariñas, xa que só unhas 150 viven en
auga doce. Foron considerados plantas ata o ano 1765, no que se
descubriu a existencia de correntes internas de auga e foron
recoñecidos como animais, cunha dixestión intracelular.. Carecen de
auténticos tecidos, e son filtradores, grazas a un complexo sistema
acuífero de poros, canles e cámaras que xera correntes de auga a partir
do movemento dunhas células flaxeladas (coñecidas como cianocitos). A
esponxa de mar atópase principalmente en augas profundas de mares
cálidos, polo que a súa dificultade da súa “colleita” e o complexo
proceso de preparación fan que resulte moito máis custosa que a
esponxa de luffa e, con toda seguridade, menos ecolóxico.
En Galicia hai unha empresa que se dedica á produción e
comercialización de esponxas vexetais (das “verdadeiras”). Trátase de
Ibérica de Esponjas Vegetales, con sé en Caldas de Reis, na provincia de
Pontevedra. Teñen un centro onde desenvolven as súas propias
investigacións e realizan os cultivos en pequenas parcelas, de xeito
artesanal, empregando produtos naturais e biodegradables para o
sistema de entitoramento e controlando as malas herbas de forma
mecánica, evitando sempre o uso de produtos sintética derivados do
petróleo. Atopan o maior interese polos seus produtos en países como
Austria, Alemaña e os mercados árabes. Recibiu o premio “Xove
Emprendedor” en 2013, promovido pola Asociación de Jóvenes
Empresarios de Pontevedra.
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 9
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
4. CONCLUSIÓNS.
Iniciativas como a da empresa caldense demostran que é posible
unha dinamización do rural baseada no aproveitamento das
especificidades propias do entorno galego, reactivando a agricultura
como sistema económico, e con capacidade para competir nun mercado
global.
A crecente concienciación da sociedade polos procesos produtivos
respectuosos co medio ambiente e a valoración dos produtos naturais
augura un futuro prometedor para o mercado das esponxas vexetais. A
posta en marcha de novas explotacións produtivas podería acelerar o
proceso de “recuperación” do mercado fronte ás esponxas sintéticas, e o
traballo de xeito cooperativo entre produtores, centros de investigación
e industria permitiría o desenvolvemento de novos produtos e novas
utilidades para estas fibras, diversificando aínda máis a súa actividade,
minimizando a competencia entre as empresas involucradas e
incrementando o beneficio económico que se pode obter delas coa
incorporación de novos valores engadidos.
O desenvolvemento de actividades en torno á produción e
comercialización das esponxas vexetais é un claro exemplo de
viabilidade da agricultura nas zonas rurais cando se desenvolve con
visión empresarial e aproveitando os recursos endóxenos de cada zona.
A realización das actividades de xeito respectuoso co entorno garante a
súa sustentabilidade e dota dun valor engadido adicional aos produtos
finais.
Así pois, o cultivo de luffa representa unha boa oportunidade
para realizar no noso territorio, xa que contamos cunhas condicións
climáticas adecuadas (non debemos esquecer que pertencen á mesma
familia que o pepino ou os cabazos, que se veñen cultivando en Galicia
dende antano).
Estudo sobre as esponxas vexetais Páxina | 10
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS.
Analía (2014). S.O.S Belleza Natural. Recuperado o 04/07/2016 de
http://sosbellezanatural.com/n/1045/beneficios-y-caracteristicas-de-
la-esponja-vegetal.html
Bratskeir, K. coa tradución de Velasco, M. (17/08/2014). The
Huffington Post. Recuperado o 07/07/2016 de
http://www.huffingtonpost.es/2014/08/17/esponjas-vegetales-
ducha_n_5657213.html
Chapman, A.D. (2009). Numbers of Living Species in Australia and the
World. Toowoomba: Australian Biodiversity Information Services.
Recuperado o 13/07/2016 de:
http://www.environment.gov.au/science/abrs/publications/other/nu
mbers-living-species/discussion-invertebrates#porifera
Esponjasvegetales.com (2014) Recuperado o 04/07/2016 de
http://www.esponjasvegetales.com/que-es-y-para-que-sirve-esponja-
vegetal-luffa-loofah.html
Ibérica de Esponjas Vegetales. Recuperado o 30/06/2016 de
https://www.luffa-esponjas.com/
MundoHR (26/05/2015). Blog oficial de noticias da Corporación Hijos
de Rivera. Recuperado o 05/07/2016 de
http://www.mundohr.com/iberica-de-esponjas-y-ecocelta-
protagonizan-esta-semana-el-espacio-del-mercado-de-la-cosecha-en-
vigo/
Narváez, D.E. (2011). Proyecto de factibilidad para la creación de una
microempresa productora y comercializadora de productos para aseo
personal con Luffa cylindrica (esponja biodegradable), ubicado en el
distrito metropolitano de Quito. Quito: Universidad Politécnica
Salesiana. Recuperado o 12/07/2016 de:
http://dspace.ups.edu.ec/bitstream/123456789/4981/1/UPS-
QT02269.pdf
Este documento rematouse de elaborar en xullo de 2016
ASOCIACIÓN DE XÓVENES EMPRENDEDORES LUCENSES Rúa Montero Ríos, 69, Entrechán. 27002, Lugo (España) CIF: G27305218 - Inscrición Rexistral: 2004-7139-1 Correo: axelu.org@gmail.com Teléfono: +34 982221510