Interpelación á Mesa do Parlamento de Galicia
-
Upload
escuela-superior-conservacion-galicia-escrbcg -
Category
Law
-
view
28 -
download
10
Transcript of Interpelación á Mesa do Parlamento de Galicia
Partido dos Socialistas de Galicia
Grupo Parlamentario
Rúa do Hórreo, s/n Parlamento de Galicia. Tfno: 981 551 530 – Fax: 981 551 418 · 15702 SANTIAGO DE COMPOSTELA [email protected]
Á Mesa do Parlamento
Concepción Burgo López, Francisco Caamaño Domínguez e Ricardo
Vicente Docasar Docasar, deputada e deputados pertencentes ao Grupo
Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo
147 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte
interpelación.
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de
Galicia, localizada en Pontevedra, foi creada en 1991 e é a única que oferta
esta titulación na nosa Comunidade Autónoma.
A Escola depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria e está englobada nas denominadas Ensinanzas Artísticas
Superiores, e como tal está afectada polos problemas que se deron en torno
ao título de grado outorgado polo Real decreto 1614/2009 e invalidado por
sucesivas sentencias do Tribunal Supremo.
Pero ademais, os estudos de Conservación e Restauración teñen uns
problemas particulares, que realmente veñen dun pasado mais afastado,
pero que a aplicación do Plan Bolonia e os sucesivos problemas co título de
grao non fixeron máis que ampliar.
En efecto, os estudos de Conservación e Restauración sofren dende fai
moito tempo unha organización pouco usual que inclúe dúas vías para
conseguir o título: a través das universidades e a través das Escolas
Superiores. Antes da aplicación do Plan Bolonia, as universidades
outorgaban o título de licenciado e as escolas o equivalente a diplomado,
sendo diferente, loxicamente, a duración dos estudos.
Pero agora estas diferenzas desapareceron e as Escolas Superiores, entre
elas claro está a galega, están sufrindo de forma directa a forte competencia
das universidades que implantaron o título de grao en Conservación e
Restauración de Bens Culturais. Así, as universidades de Granada, Sevilla,
Valencia, Complutense de Madrid e a de Barcelona entre outras, imparten
o titulo de grao con unha carga docente de 240 ECTS e unha duración de 4
anos. Exactamente a mesma carga docente e duración que teñen os estudos
na Escola Superior de Pontevedra, pero mentres o título das universidades
Partido dos Socialistas de Galicia
Grupo Parlamentario
Rúa do Hórreo, s/n Parlamento de Galicia. Tfno: 981 551 530 – Fax: 981 551 418 · 15702 SANTIAGO DE COMPOSTELA [email protected]
é un título de grao universitario, as escolas outorgan un título Superior en
Conservación e Restauración que ten a equivalencia ao grao, pero que non
é un título universitario, ao contrario ten un status xurídico feble e, ao ter
un réxime non universitario, as condicións de alumnos e profesores son
moi distintas.
Isto provoca que cada vez máis alumnos e alumnas opten por cursar un
grao universitario e non os estudos dunha escola. En efecto, as estatísticas
dos últimos anos demostran que está crecendo o número de estudantes dos
graos universitarios en Conservación e Restauración de todas as
universidades que o ofertan, mentres que nas escolas non se chega a cubrir
totalmente a oferta de prazas.
A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia ten
unha excelente reputación pola súa longa experiencia e polo bo traballo que
realiza do que dá fe a contratación dos seus alumnos e alumnas nalgúns dos
mellores museos e centros de arte do mundo, así como os convenios
realizados tanto ca Xunta de Galicia, ca igrexa, os concellos e outros
propietarios de bens culturais para a realización de labores de conservación
e restauración de pezas artísticas de todas as épocas e xéneros, labor, que
por certo, realizan de balde.
Non podemos permitir que a esta escola e estes estudos continúen
aumentando os seus problemas e incluso corran o risco de non sobrevivir.
Os estudos de Conservación e Restauración teñen unha grande importancia
para a preservación do nosos patrimonio histórico e artístico o que é unha
obriga das administracións públicas.
Para conseguir o mantemento e consolidación da Escola Superior e en
Conservación e Restauración de Bens Culturais creemos que é
absolutamente necesario que sexa integrada, no menor tempo posible, no
Sistema Universitario de Galicia, independentemente das decisións que se
tomen en torno as Ensinanzas Artísticas Superiores, cuxas reclamacións
apoiamos. As características propias destes estudos tal como explicamos, e
a forte e xa activa competencia das universidades fronte a Escola Superior
fai esta integración esencial e urxente.
Partido dos Socialistas de Galicia
Grupo Parlamentario
Rúa do Hórreo, s/n Parlamento de Galicia. Tfno: 981 551 530 – Fax: 981 551 418 · 15702 SANTIAGO DE COMPOSTELA [email protected]
Por todo o exposto, a deputada e os deputados que asinan interpelan ao
Goberno galego nos seguintes termos:
1. Como valora a Xunta de Galicia a situación na que se atopan as
Ensinanzas Artísticas Superiores en Galicia?
2. Como valora a situación actual da Escola Superior de Conservación
e Restauración de Bens Culturais de Galicia?
3. Considera que está a sufrir a competencia das universidades que
imparten os mesmos estudos?
4. Considera que é lóxico que sigan existindo dúas vías para acadar un
título en Conservación e Restauración, a vía universitaria e as escolas
superiores ca mesma duración e carga docente?
5. Considera que estes estudos son necesarios para a sociedade galega?
6. Considera que a Escola Superior de Conservación e Restauración de
Bens Culturais de Galicia debe integrarse no Sistema Universitario
de Galicia? Por que?
Pazo do Parlamento, 17 de marzo de 2015
Asdo.: Concepción Burgo López
Francisco Caamaño Domínguez
Ricardo Vicente Docasar Docasar
Deputada e deputados do G.P. dos Socialistas de Galicia
Partido dos Socialistas de Galicia
Grupo Parlamentario
Rúa do Hórreo, s/n Parlamento de Galicia. Tfno: 981 551 530 – Fax: 981 551 418 · 15702 SANTIAGO DE COMPOSTELA [email protected]
Asinado dixitalmente por:
María Concepción Burgo López na data 17/03/2015 13:39:58
Francisco Manuel Caamaño Domínguez na data 17/03/2015 13:40:03
Ricardo Vicente Docasar Docasar na data 17/03/2015 13:40:07