Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

18
fichas didácticas 100 anos de “Junta para la ampliación de estudios” e a Ciencia en Galicia Redes de coñecemento Material didáctico para o profesorado www.fundacioncaixagalicia.org

Transcript of Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Page 1: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

fichas didácticas100 anos de “Junta para la ampliación

de estudios” e a Ciencia en GaliciaRedes de coñecemento

Material didáctico para o profesorado

www.fundacioncaixagalicia.org

Page 2: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Obxe

ctiv

os /

Cont

idos

da

expo

sici

ón

A exposición que leva por título Redes de coñecemento trata da influencia na Ciencia desenvolta en Galicia da Junta Para Ampliación de Estudios (JAE) (1907-1939). Unha institución que tivo un papel relevante na vida cultural e científica da España do primeiro tercio do século XX.

Obxectivos da visita escolar

Os contidos da exposición

- Achegar ao alumnado a un feito histórico de especial relevancia para a investigación e formación científica en España e en Galicia, a creación en 1907 da “Junta de Ampliación de Estudios”

- Tomar contacto co labor da “Junta de Ampliación de Estudios” na modernización científica de Galicia

- Recoñecer algunhas das características senlleiras da evolución da Ciencia en Galicia

- Fomentar a valoración do patrimonio histórico-científico como un valioso recurso cultural

- Interesar no coñecemento das relacións entre a sociedade e a actividade científica

A Exposición conmemorativa do nacemento da JAE abrangue diferentes apartados e unidades temáticas

Page 3: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Apartado I:Ciencia en Galicia/Nacemento da JAE

1 I

2 I

3 I

4 I

5 I

6 I

7 I

8 I

9 I

Ciencia en Galicia. O difícil camiño da institucionalización. Distintas iniciativas e limitados resultados.

Nacemento da JAE. Un futuro esperanzador. A presenza galega nos momentos iniciais.

As personalidades dinamizadoras. Os “axentes” da rede. Profesores que colaboraron na conexión da JAE co mundo científico galego e na realización de proxectos.

Apartado II:Resultados da acción da JAE en Galicia

Bolseiros. Unha aposta pola formación de calidade. Alumnos e profesores que accederon ao sistema de pensións.

Misión Biolóxica de Galicia. Encetando o camiño institucional. Unha institución de longa proxección.

O Seminario de Estudos Galegos. Unha colaboración nada no país. Análise dos proxectos comúns entre este activo grupo e a JAE.

Comisión de Estudios en Galicia. A sala de máqunas de Juan López Suárez

Estación de Bioloxía Mariña de Marín. O mar como recurso formativo e obxecto investigador. Unha descrición do labor.

Consolidación da comunidade científica e proxectos innovadores. Novos aires na investigación e docencia científica. Os bolseiros e as institucións incidindo.

Page 4: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Apartado III: A desfeita, o apagón

10 I A guerra civil e a incidencia sobre o labor da JAE en Galicia. Unha creba e volta á tea de Penélope. Os efectos do desastre. PresentaciónA Junta de Ampliación de Estudios (JAE), creada en 1907, tivo un papel relevante no desenvolvemento cientifico e cultural da España do primeiro tercio do século XX. O seu nacimento xurde da necesidade dun sistema científico-técnico que permitira artellar unha comunidade científica acorde coas necesidades da sociedade.

A JAE deseñou e puxo en práctica unha sólida e coherente política científica baseada na formación de especialistas, no contacto coas vangardas científicas, creación de institucións, artellamento de novas liñas de traballo, etc. Co seu labor, a JAE propiciou un medre significativo das redes de coñecemento e excelencia, contribuindo á modernización do Estado e ao crecemento económico e social.

Máis de cen bolseiros galegos, ou fóraneos con posterior destino en Galicia, acudiron a centros científicos internacionais de vangarda. Á súa volta, eses especialistas nutriron á “rede de coñecemento”, as institucións, e ao resto do sistema científico. Foron eles quen asentaron as novas institucións creadas pola JAE (Misión Biolóxica de Galicia, Estación de Bioloxía mariña de Marín, Comisión de Estudios de Galicia, etc.), renovaron as xa existentes ou constituidas nese tempo (Universidade de Santiago, Granxa Agrícola, Laboratorio Oceanográfico de Vigo, Estación de Fitopatoloxía, etc), colaboraron con outras (Seminario de Estudos Galegos), mudaron métodos de traballo, formaron equipos, mantiveron relacións cos expertos europeos, abordaron novas liñas de traballo; construiron – en suma – unha auténtica comunidade científica. E tamén algúns bolseiros irían aos centros de educación secundaria, para contribuír a un aspecto básico do modelo científico, o ensino e dufusión de novidades. Un cambio cualitativo no proceso de creación do sistema científico no que, a diferencia do precedente da Ilustración, as iniciativas despregadas tiñan unha dirección que establecía prioridades e coordinaba esforzo.

A JAE foi eliminada polos triunfadores do levantamento fascista de 1936. As redes de coñecemento que tanto costara construir perderon densidade e coherencia; voltou un certo illamento, ao que contribuiu a autarquía posterior. Foi necesario que pasaran algúns decenios para igualar o nivel científico acadado nos anos trinta.

A exposición á que acompaña este Catálogo quere amosar e reivindicar o papel da JAE como elemento de progreso e modernización na Ciencia galega e o esforzo e labor dos homes e mulleres que protagonizaron esa actividade, cunha especial lembranza de recoñecemento aos que deberon sufrir as consecuencias do seu compromiso democrático.

Page 5: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

O difícil camiño da institucionalización da Ciencia en Galicia.O desenvolvemento das Ciencias en Galicia caracterizouse historicamente, como no resto das comunidades periféricas europeas, pola súa serodia institucionalización. A creación de centros de investigación e docencia superiores, a formación de especialistas, as reunións de expertos, a edición de revistas, etc. consolidaronse con demora no país.

Galicia experimentou na Ilustración un momento de singular mobilización científica. Foi fóra do mundo universitario onde tivo lugar o máis significativo das novidades ilustradas en Galicia. Así, a construción e posta en marcha do relevante complexo naval de Ferrol supuxo a principal aplicación da ciencia ilustrada no país. Unha intervención que tería a súa continuidade intelectual coa creación da Academia de Gardasmariñas e o seu observatorio, o que permitiu que a cidade departamental fose durante anos a capital científica de Galicia. Á esa Academia ferrolan debemos engadir o Consulado da Coruña, os colexios prácticos de Santiago (Cirurxía, Farmacia e Militar) e a Sociedade Económica desa cidade.

A mediados do século XIX a universidade incorpora as Ciencias e xera iniciativas de interese, empeza a despregar unha actividade máis acorde coas esixencias dos tempos, e xorden iniciativas ao seu redor. Os estudos de Ciencias son creados no contexto do plan Pidal de 1845 como unha sección dentro da Facultade de Filosofía. Desde 1857, co plan Moyano, afástanse dos de Filosofía e podemos realmente falar dunha Facultade de Ciencias, unha institución de curta vida, pois remata en 1867. Esa situación, que supón un incremento notable do profesorado e a dotación de gabinetes e laboratorios, favorece o desenvolvemento no ámbito académico dalgunha das máis interesantes actividades do século. Falamos da creación da Academia de Emulación (1847-1850) e o seu voceiro, a Revista Médica (1848-1850). Arredor desas iniciativas converxen os traballos de profesores universitarios, salientando o labor do químico Antonio Casares e do médico e cirurxián José González Olivares.

Na Restauración hai actividade salientable na obra de autores illados, como a do médico Ramón Varela de la Iglesia, no seu laboratorio privado, a do matemático Durán Loriga, na súa academia, a do naturalista Víctor López Seoane, no seu gabinete particular, ou a do botánico Baltasar Merino, no seu colexio, etc. Así, no ámbito médico salienta o Laboratorio Histológico de Santiago, do Dr. Varela de la Iglesia (1884), cun papel pionero na institucionalización da Histoloxia e Microbioloxia. Asemade, Angel Cobián Areal fundou en Pontevedra, en xaneiro de 1897, o Instituto Antirrábico Cobián Areal do que foi o seu Director até a sua morte en maio de 1901 Nesa liña debe figurar o Instituto Microbiológico y de Vacunación de Santiago, do Dr. Pedreira Labadia (anos noventa) e os coruñeses Instituto de Vacunación, Escuela de Parvulos de D. R. Pérez Costales (anos oitenta) e Centro Jenner de vacunación animal, do famoso “médico Rodríguez”, do que hai novas entre os anos 1888 a 1891.

Os recursos naturais galegos reciben unha tardía atención científica. Autores como Antonio Casares, José Planellas e Antonio Valenzuela amosaran interese polo tema, mais a primeira institución dedicada á experimentación, difusión de

Page 6: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

novidades e capacitación, a Granja Experimental de Á Coruña, non foi fundada ata 1888, entrando funcionamento en 1897, coa chegada de Marceliano Álvarez á dirección; posteriormente crearianse a Estación de Fitopatoloxía de Galicia e Asturias (1926, A Coruña) e a Estación Pecuaria (Lugo, 1931). No ámbito da Bioloxía mariña sitúanse os traballos de Graells no Parque Ostrícola de Ortigueira (1876-1884) e diversas intervencións, entre as que salienta o fracaso na creación dunha Estación de Bioloxia Mariña, tema no que traballou arreo o profsor Antonio Vila Nadal. No século XX a situación mudaría algo coa creación da “Sociedad oceanográfica de Coruña, con actuación desde 1906 ata 1913 e, sobre todo, o Laboratorio del Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo (desde 1918), que en 1932 se transformaría no centro de Vigo do IEO.

As experiencias institucionais comentadas foron valiosas, pero escasas en número, de limitada entidade e con reducida vocación investigadora, máis atentas á divulgación e á aplicación de técnicas. Equipos de traballo de mínimas dimensións, con escasa relación coas vangardas científicas, persoal de limitada formación e afrontando poucas liñas de traballo. Estableceuse un perverso círculo vicioso no que a falta de institucións xeraba unha raquítica comunidade científica, o que – á súa vez – favorecía o estancamento institucional e a limitación nos temas estudados. En todo caso, chegamos ao século XX nun claro atraso en relación con certa normalización do sistema científico español.

Nacemento da JAE. A presencia galega nos momentos iniciais. A JAE procedía dun movemento cultural e político con moitos anos de actividade previa, o “institucionismo krausista”, unha rede difusa de renovación e apoio mutuo que incluía a Institución Libre de Enseñanza (ILE).

En Galicia, o entramado institucionista estaba constituido por solidarios cos profesores expulsados pola “Segunda Cuestión Universitaria”, amigos próximos ao entorno do “mestre” Giner, ex alumnos e algúns seguidores pedagóxicos.

O galego Eugenio Montero Ríos, o “cuco de Lourizán”, político de grande proxección, participou na creación de la ILE, ocupando cargos de xestión nos primeiros momentos. No principal órgano directivo da JAE catro vogais eran de procedencia galega: os químicos santiagueses José Rodríguez Carracido e José Casares Gil (os seus laboratorios madrileños serían dos primeiros que formaron parte da rede formativa primaria da JAE) e os coruñeses Eduardo Vincenti, xenro de Montero Ríos, e Ramón Menéndez Pidal, filólogo e historiador, catedrático en Madrid. Na Galicia da Restauración o institucionismo constituiuse nunha das alternativas ao poder tradicional, un contrapoder non exento de procedementos corporativos semellantes aos da oficialidade.

Ramón Varela de la Iglesia (Lerma, Burgos, 1845-Santiago, 1922) foi catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago desde 1875 ata 1918. Creou escola, subliñando a necesidade da aprendizaxe de idiomas para achégarse ao coñecemento científico e o interese das prácticas de laboratorio. A súa relación cos krausistas debeu orixinarse nos anos de formación en Madrid. O certo é que en 1872 xa mantiña contactos con González de Linares en Santiago, a quen introduciu na microscopia. Por iso non sorprende que cando

Page 7: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

tivo lugar a “Segunda Cuestión Universitaria” se manifestase a prol dos compañeiros represaliados; de feito, a familia Varela mantería unha prolongada identificación con Giner e o institucionismo. Foi un dos médicos pioneiros na incorporación da Histoloxía e a Microbioloxía nos curricula das Facultades de Medicina. En 1884 solicitou á Facultade, e puxo en marcha, cursos de Histoloxía, Anatomía Patolóxica e Bacterioloxía no seu laboratorio privado, o Laboratorio Histológico de Santiago, onde montaba microscopios. A difusión especializada de novidades médicas que impulsou sobresaiu no contexto español. Realizou varias traduccións e editou dúas importantes publicacións: a Colección de Monografías Clínicas publicada bajo la dirección de R. Volkmann por los profesores de clínica de las Universidades alemanas (1877-1884) e a Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América (1877-1883). Seguiu as propostas de Claude Bernard, ubicándose na moderna perspectiva fisiopatolóxica. No debate sobre a orixe das células identifícouse coas innovadoras teses de Rudolf Virchow, porén na Contribución al estudio de la médula espinal (1904), expresa –enfrontado a Cajal – o seu apoio ás erradas propostas reticularistas.

Persoalidades dinamizadoras. Juan López Suárez, “Xan de Forcados”.A actividade da JAE en Galicia apoiouse na rede institucionista establecida en base a persoas próximas. Estas xogaron un papel relevante, pois a selección de bolseiros, proxectos e organización das actividades partían dunha información previa delas. Cando os solicitantes figuraban na rede formativa propia, laboratorios e centros de investigación de Madrid, ou na Residencia de Estudiantes, os titores ou investigadores responsables informaban directamente a José Castillejo, secretario da JAE.

Os principais informadores galegos procederían de la familia Varela e Casares. Pero a persoa que acadou un papel sobranceiro como “axente” dinamizador da JAE en Galicia foi Juan López Suárez, quen pola súa conta ou desde a Comisión de Estudios en Galicia actuou como o auténtico motor do entramado formativo, o embaixador “de facto” da JAE en Galicia.

Juan López Suárez (O Saviñao, Lugo, 1884-Madrid, 1970), “Xan de Forcados”, xogou un notable papel na modernización científica de Galicia. Persoa de sólida formación, estudou Medicina en Santiago, sendo compañeiro de Roberto Nóvoa Santos e Alejandro Rodríguez Cadarso. Foi un dos primeiros bolseiros da JAE e dos de máis permanencia de ampliación de estudos no estranxeiro. Asesor vocacional, mantivo un contacto permanente co secretario da JAE, José Castillejo, quen remataría sendo o seu cuñado, ao casar con Mariana Castillejo. As súas suxerencias tiveron moita importancia no asentamento e consolidación da JAE.

Home xeneroso, axudaría a moitos galegos para obter bolsas. Unha parte dese labor correspondería ao seu cometido na Comisión de Estudios en Galicia desde 1928, pero, como veremos, xa iniciara antes ese tipo de xestións. Asemade, López Suárez tamén exercería de titor e de conselleiro dos estudantes galegos en Madrid, facendo un seguimento dos seus estudos, en constante contacto con eles e cas súas familias.

Page 8: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Xan de Forcados estaba dotado de grande capacidade de iniciativa e habilidade na distinción e promoción de talentos, establecemento de relacións e artellamento de valiosos proxectos. Cando o seu irmán Julio estivo realizando estudos de Agricultura en Alemaña (Stutgart, na Landwirtschaftliche Hochschule), en 1913, coñeceu a Cruz Gallástegui. En 1915 López Suárez preséntase ás oposición a Patoloxía na Universidade de Salamanca; non acada a cátedra e, desanimado, vai para a finca familiar, onde estaba o irmán Julio con Gallástegui de visita. Juan animao a realizar experiencias agricolas nesas terras e pasa a converterse no seu titor persoal. O seu primeiro grande proxecto público foi a creación dun “instituto galaico” para o ensino científico y literario. Esta idea sería o xerme da Misión Biolóxica de Galicia (1921), da que foi promotor, encargando da dirección ao seu amigo Cruz Gallástegui. Despois de dirixir o laboratorio de Bioquímica da JAE en Madrid e dun breve período como docente na Facultade de Medicina de Madrid (1924-1929), voltou a promover iniciativas no país. Ese labor obtivo un respaldo institucional coa creación da Comisión de Estudios en Galicia; unha institución que viña ser a JAE de Galicia e da que López Suárez foi o auténtico responsable e protagonista. O período republicán do “bienio negro” non foi propicio para a JAE e os proxectos en marcha en Galicia ficaron suspendidos (Estación de Bioloxía mariña de Marín) ou detidos. López Suárez debeu pospoñer algúns e centrarse no que consideraba a institución de maior importancia, a Misión Biolóxica, preocupándose de que poidera continuar o seu labor.

Interesado pola aplicación dos coñecementos, promovería a instalación do Laboratorio de Xeoquímica (1935), dirixido por Parga Pondal, co apoio da Fundación Nacional para Investigaciones Científica y Ensayos de Reforma (FNICER), interesante institución que creara José Castillejo para desenvolver o incipente mundo da transferencia de coñecemento entre o labor científico e a economía. Na mesma liña pioneira, López Suárez proxectou a realización dunha Residencia de Estudantes en Santiago e tentaría poñer en marcha unha Estación Vitícola-Enolóxica, pero a Guerra Civil impediuno.

A súa metodoloxía de traballo tiña como orientación obter resultados prácticos que permitiran unha modernización económica e social. Analizaba, en base a datos acadados por el mesmo ou polos seus contactos, as necesidades dun lugar ou sector e concluía as medidas que considera precisas para mudar a situación; a continuación buscaba as persoas necesarias para afrontar o labor e realizaba xestións directas coas institucións e dirixentes co fin de superar os atrancos. Nese sentido, mantiña boas relacións con xente de variada ideoloxía. Da lectura dos seus escritos despréndese un eficaz programa de reformas que partía dunhas obxectivas necesidades, porén, observadas desde unha certa distancia; quizás a palabra autoodio sexa excesiva, pero no xeito de López Suárez de afrontar o atraso hai unha consideración excesivamente negativa e allea da realidade social galega. A súa visión tecnocrática e elitista, o pouco aprecio polo que entendía propostas teóricas, definían un estilo de actuación moi persoal, que lle permitiu acadar notables éxitos; porén, probablemente, ese pragmatismo favoreceu que coa chegada do franquismo mantivera o mesmo perfil de actuación e similares relacións co poder. De feito, pasada a Guerra Civil seguiu tratando de inlfuir no novo poder político, co que mantivo cordiais relacións.

Page 9: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Bolseiros. Unha aposta pola formación de calidade. No proceso modernizador a formación de especialistas era básico. A JAE abordou un intenso e novidoso esforzo para a formación cualificada de investigadores e docentes que transformaran o precario panorama científico existente. Pretendía que accederan a estancias no extranxeiro para establecer contacto coas vangardas científicas co obxectivo de que á volta constituiran un elemento dinamizador e transformador que permitira consolidar unha infraestructura científica moderna. Os bolseiros nutrirían á “rede de coñecemento”, as institucións, e ao resto do sistema científico. A Universidade, Misión biolóxica, Estación de Bioloxía mariña, Estación de Fitopatoloxía, SEG, etc serían o destino deste cualificado persoal. E tamén algúns irían aos centros de ensino secundario, para contribuír a un aspecto básico do sistema científico, o ensino e difusión de novidades.

Os peticionarios debían presentar unha memoria, en relación coa bolsa pretendida, traballos previos e indicación dos profesores que poderían avalar a súa capacidade. Como remate, tiña lugar unha entrevista personal con Castillejo e unha proba de idioma. O sistema formativo da JAE abranguía unha rede primaria, constituida polos centros de investigación situados en España, fundamentalmente Madrid, e institucións ligadas ao institucionismo (Residencia de Estudiantes, Instituto-Escuela, Residencia de Señoritas, etc.). Porén a maior parte dos bolseiros acudiron a institucións científicas extranxeiras.

Roberto Nóvoa Santos (A Coruña, 1885-Santiago, 1933), probablemente o médico galego cunha obra científica máis salientable, estudou Medicina en Santiago, sendo profesor axudante de Fisioloxía de Ramón Varela de la Iglesia. En 1911 estivo como bolseiro da JAE en Alemaña e Francia (París e Estrasburgo, con Weckenbach e Blumm), durante un ano, para estudar Fisioloxía e Patoloxía. Acadou a cátedra en Compostela en 1912, onde creou unha importante e modernizadora escola, da que formaron parte o seu principal discípulo, Pedro Pena Pérez, Jimena e Elisa Fernández de la Vega. Ese labor de incorporación da muller á ciencia estivo confrontado coa visión machista que Nóvoa expresou en diversos traballos. Marchou para a Universidade de Madrid en 1927, como fixera Varela Radio en 1920, fartos do caciquismo e iniquidade existente na súa Facultade. Moitos discípulos acadarían a condición de bolseiros da JAE. O propio Nóvoa obtivo en 1928 unha bolsa para ir a América (Cuba), para difundir a obra da JAE e estreitar lazos coa comunidade hispana. En 1932 volveu a repetir esa actividade en América do Sur (Arxentina). Desde a cátedra madrileña atraería a unha grande cantidade de estudantado galego para rematar a súa formación (Rof Carballo, irmáns Jaso Roldán, Puente Veloso, irmáns Fernández de la Vega, Rodríguez Darriba, Manuel Calvelo, Julio Outeiriño, Antonio Culebras, irmáns Goyanes Álvarez, etc.) Amosouse interesado pola dinamización e dignificación da profesión médica e polos problemas sociais e políticos.

O proceso formativo constituiu un cambio cualitativo coa situación precedente, unha irrupción de modernidade na Ciencia galega. Identificamos a uns 130 galegos (ou que traballaban/rían en Galicia) das áreas científico-técnicas, que accederon ao sistema formativo. Deles máis de cen

Page 10: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

acudiron a centros extranxeiros, uns 70 como bolseiros e 30 coa condición de bolseiro. O resto participou en cursiños ou actividades, como profesores e/ou alumnos nos centros da JAE (laboratorios, museos, etc.) en España, na rede primaria JAE ou obtiveron outras becas. Cómpre sinalar que o número de bolsas foi superior, pois houbo numerosos casos nos que repetiron a saída. Son números moi significativos no contexto da época e, sobre todo, se comparamos coas escasas saídas de estudos dos períodos precedentes e posteriores. Realmente, un aspecto moi importante da repercusión da JAE en Galicia foi a predisposición favorable dos “nosos axentes” e a permeabilidade da rede formativa ás súas peticións. Canto os destinos das bolsas, o lugar de disfrute preferente foi Alemaña (45% das bolsas), seguida de Francia, Suiza e Reino Unido.

Misión Biolóxica de Galicia. Unha institución de longa proxección.En 1920 a JAE fixo pública a intención de crear laboratorios científicos “en provincias”, invitando ás entidades privadas e oficiais a participar. A Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago ofreceu a súa colaboración e a proposta resultou aceptada, creándose a Misión Biolóxica de Galicia. A Misión permanecería entre 1921-26 en Santiago, nos locais da Escola de Veterinaria. Coa supresión da antedita Escola a Misión foi acollida pola Deputación de Pontevedra, presidida por Daniel de La Sota, quen adquiriu para albergala o pazo de “Gandarón”, en Salcedo (Pontevedra), onde permanece na actualidade. O impulsor foi Juan López Suárez. Favoreceu a “apertura madrileña”, a disposición da JAE a establecer os laboratorios “en provincias”, animou á Sociedad Económica para realizar a petición, escolleu ao seu amigo Cruz Gallástegui como director, formou parte do Padroado e axudou continuamente ao labor, persoalmente ou desde a Comisión de Estudios de Galicia, a partir de 1927. Cruz Gallástegui foi a figura científica central desta institución, que abordou importantes estudos sobre o castiñeiro, xenética animal e vexetal. Formaban o equipo de traballo da Misión Cruz Gallástegui, Ramón Blanco, Miguel Odriozola, Bibiano Osorio-Tafal e Vicente Boceta, científicos formados en centros punteiros do extranxeiro.

A Misión mantivo contactos científicos con diversos centros extranxeiros, unhas relacións reforzadas, nalgúns casos, pola estancia formativa dos bolseiros. Sobre o tema do millo a relación tivo lugar coa Stazione de Maiscoltora de Bergamo e a Connecticut Agricultural Experiment Station. Tamén mantivo contacto coa Estación de Sementes de Svalöf (Suecia). O propio Gallástegui estivo en 1927 no Congreso Internacional de Xenética de Berlín e aproveitou a estancia para realizar diversas visitas científicas. Por outra banda, e en contraste con eses positivos contactos, cómpre salientar o afastamento entre a Misión e o outro centro de investigación agraria de Galicia, a Granxa agrícola de A Coruña; mesmo houbo traballos desenvoltos en paralelo e os poucos contactos existentes foron persoais e non institucionais, dándose relacións máis intensas con outros centros de España.

Page 11: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Un dos aspectos máis eloxiables do labor da Misión, mostra da crecente modernización do sistema científico por estas terras, desenvolveuse no terreo de comunicación coa sociedade. Abordáronse actividades divulgativas e de transferencia de coñecemento ao mundo productivo. Gallástegui impartiu cursiños de Xenética na Escola de Veterinaria en 1922; tamén ofreceu conferencias. A iso debemos engadir os artigos en prensa e, sobre todo, o labor do Sindicato de Productores de Semillas, formado en 1930 para dar difusión aos millos hibridos (e secundariamente a outros cultivos) e que publicaba o Boletín del Sindicato de Productores de Semillas; esta importante iniciativa xurdiu seguindo o modelo dun organismo similar dependente da Estación de Sementes de Svalof (Suecia), que Gallástegui visitou en 1929.

Cruz Gallástegui Unamuno (Bergara, Guipúzcoa, 1891-Pontevedra, 1960) foi a figura central da Misión biolóxica. Estudou enxeñería agrícola na Escola Superior de Agricultura de Hohenheim-Stutgart, Alemaña. En 1917 acadou unha bolsa da JAE para estudar en EEUU a novidosa Xenética; alí mantivo contactos co futuro Nobel, Thomas H. Morgan, estableceu relacións con Edward M. East, da Universidade de Harvard, e, sobre todo, con D.F. Jones, da Connecticut Agricultural Experiment Station. Na estancia en Alemaña coñecera a Julio López Suárez, irmán de Juan, de quen se fixo moi amigo e que mediou para a obtención da bolsa de Gallástegui e o convenceu para que aceptase a dirección da Misión. Co apoio e consello de Juan López Suárez, desenvolveu un amplo labor. Investigou sobre a xenética do millo, sendo pioneiro en Europa en experimentar cos híbridos na busca de variedades axeitadas para a agricultura. Tamén prestou especial atención á difusión e aplicación das investigacións. Elaborou un programa de reforma agraria para Galicia que foi ben recibido polos galeguistas e republicáns, cos que colaborou, ao que contribuiu a súa pertenza ao Seminario de Estudos Galegos e militancia no Centro Republicano de Pontevedra e no Partido Galeguista.

O grupo do Instituto de Pontevedra. O papel dinamizador de Bibiano Fernández Osorio-Tafall. A instalación da Misión en Pontevedra favoreceu que algúns profesores das áreas científicas do Instituto local estableceran unha fructífera e continuada colaboración coa institución e, posteriormente, coa Estación de Bioloxía mariña que se ubicou en Marín. Entre eses profesores, todos bolseiros da JAE, salienta o labor de Bibiano Fernández Osorio-Tafall (Pontevedra, 1903-México D.F.,1990). Catedrático de Agricultura e director do Instituto (desde xullo 1931), investigou na Misión Biolóxica sobre as virases que atacaban as patacas e a súa selección.. O seu colega Ramón Sobrino Buhigas (Pontevedra, 1888-Valladolid, 1946), tamén socio activo do Seminario de Estudos Galegos, marchou para o Instituto de Santiago en 1931, pero colaborou para o establecemento e actividades da Estación. Faustino Miranda González (Gijón, 1905- México, 1964) desenvolveu un papel relevante na actividade docente e investigadora da antedita Estación na súa estancia no Instituto, 1933-1935. Outro profesor que colaborou en diversas iniciativas foi Ernesto Caballero y Bellido (Salamanca, 1858- Pontevedra, 1935), catedrático de Física do Instituto.

Page 12: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

O Seminario de Estudos Galegos. Unha colaboración nada no país. O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi constituido en 1923 por mozos universitarios preocupados pola desatención dos medios académicos do momento ao estudo da realidade do país. Entre as persoas do ámbito científico que foron socios do SEG figuran Isidro Parga Pondal, Luis Iglesias Iglesias, José Vázquez Garriga (profesores e alumno de Ciencias na Universidade), José García Blanco e Juan Rof Codina (Medicina), Cruz Gallástegui (Misión Biolóxica), Bibliano Fernández Osorio-Tafall (Instituto de Pontevedra, Misión biolóxica e Estación de Marín), Ramón Sobrino Buhigas (Instituto de Pontevedra, Estación de Marín), o enxeñeiro de minas, Primitivo Hernández Sampelayo, o xeólogo Jesús Carballo Taboada. Luis Iglesias presidía a Sección de Ciencias e José García Blanco a de Fisioloxía; despois Parga Pondal tería a consideración de xefe de Sección pola dirección do Laboratorio de Xeoquímica e aparecería o de Ciencias aplicadas, dirixido por Manuel Gómez Román. Luis Iglesias foi Presidente do SEG desde outubro de 1934 ata maio de 1936, cando pasou a ser Rector da Universidade. O Seminario editaba una revista, Arquivos, na que se recollían as máis importantes achegas dos seus membros.

Aínda que de filosofía política distinta, pois o SEG tiña orientación galleguista, daríase unha clara coincidencia de obxectivos coa JAE e a Comisión de Estudios, o que levou a unha intensa colaboración. No seo do galeguismo político houbo persoas moi vinculadas e identificadas coa JAE, como Joam Vicente Viqueira, e outras críticas como Castelao, bolseiro da JAE, que calificou á ILE de “hespañolista” e refíriuse aos institucionistas como “xesuitas laicos”. López Suárez, como indicamos, mantiña unhas relacións fluidas coas diferentes correntes ideolóxicas. De feito, colaborou co SEG, con quen organizou a excursión de 1927 aos Ancares, favoreceu nas xestións polos laboratorios e animou a moitos no seu labor, facendo, asemade, diversas xestións.

A Universidade de Santiago –a iniciativa del Rector Rodríguez Cadarso– e o SEG impulsaron, coa colaboración da JAE a creación do Instituto de Estudos Regionales. O Instituto incluía dous laboratorios na Facultade de Ciencias, o Consultorio de pragas (1933), dirixido por Luís Iglesias e o comentado Laboratorio de Xeoquímica (1935); López Suárez sería o encargado de realizar as xestións, para o que contou co apoio da Fundación Nacional para Investigaciones Científica y Ensayos de Reforma (FNICER), que impulsara e xestionaba José Castillejo para desenvolver o incipente mundo da transferencia de coñecemento entre o labor científico e a economía. Ademáis, na Facultade de Farmacia creouse o Laboratorio de Bromatoloxía, dirixido por Aniceto Charro (1933). Tamén formaba parte do Instituto o “Museo Regional”, subdivisión do vello Museo de Historia Natural.

Isidro Parga Pondal (Laxe, A Coruña, 1900-A Coruña, 1986) fixo estudos de Ciencias Químicas en Madrid. No ano 1923 acada unha praza de auxiliar na recén nada sección de químicas da Universidade de Santiago. Interésase pola novidosa Xeoquímica e acada unha bolsa da JAE para a Alemaña e Suíza, para formarse na Escola Politécnica de Zúric. En 1932, obtería unha nova bolsa da Industria Española de Cementos para ir un ano a Berlín (Alemaña). E cómpre subliñar que nunha mostra da crecente modernización do sistema científico,

Page 13: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Parga acadou da universidade que o Instituto de Estudos Regionales incluira un Laboratorio de Xeoquímica (1935), primeiro en España, que pasou a dirixir. En 1936 foi apartado definitivamente da Universidade de Santiago, acusado de seren galeguista e de esquerdas. En 1983 recibiu, a xeito de desagravio, o doutorado honoris causa desa institución.

Luis Iglesias Iglesias (Teis, Pontevedra, 1895-Pontevedra, 1976), realizou estudos de Medicina e Ciencias Naturais. Catedrático de Historia Natural do Instituto de Santiago (1918) e de Bioloxía xeral na Universidade (1932). Foi discípulo de Antonio García Varela e de Ignacio Bolívar, e desde 1930 estivo de bolseiro en Italia para estudar Entomoloxía aplicada á Agricultura. Ocupou a dirección da Sección de Ciencias do SEG, institución á que representou para a constitución do Instituto de Estudios Regionales, no que Iglesias dirixiu o Consultorio de pragas (1933). Foi Presidente do SEG desde outubro de 1934 ata maio de 1936, cando pasou a ser Rector da Universidade. En contraste co digno exilio do seu mestre Ignacio Bolívar, Iglesias foi, como decano de Ciencias, o profesor encargado pola Universidade de ler o discurso laudatorio de recepción de Francisco Franco como doutor honoris causa, en 1965.

Comisión de Estudios en Galicia. A sala de máquinas de Juan López Suárez.A Comisión de Estudos en Galicia ten a orixe en 1927, aínda que o seu órgano rector constituise en 1928, ano no que empezou a funcionar. A súa formación sufriu algúns retrasos porque o nombre inicial, “Misiones”, no lle parecía axeitado ao sector científico galeguista afín, agrupado no Seminario de Estudos Galegos, polo que se modificou. Pretendían traer especialistas salientables para estudar nas diferentes áreas, contactar coas xentes do país dedicadas á investigación e propoñer ás persoas adecuadas para ir pensionadas ao estranxeiro. Juan López Suárez impulsou a creación e o labor do que sería a delegación da JAE en Galicia. Despois dun tempo adicado en Madrid á docencia voltou para constituir esa institución; realmente, na práctica, a Comisión era él. A parte fundamental do labor da Comisión foi o estímulo e selección de bolseiros, a axuda á Misión biolóxica e a elaboración de proxectos como unha residencia universitaria, a formación dos laboratorios do Instituto de Estudios Regionales da Universidade e SEG e unha Estación enolóxica para Ourense.

No ámbito científico sobresaíu a “Exploración naturalista e folklórica realizada nos Ancares e montes do Invernadero” baixo a dirección de Luís Crespí, profesor do Instituto-Escola de Madrid, coa cooperación do profesor Sampaio, da Universidade de Oporto e de Luís Iglesias, da Universidade de Santiago e do SEG, acompañados do sobranceiro director do Instituto de Botánica aplicada de Leningrado, Nikolai Vavilov. A expedición supuxo un interesante traballo interdisciplinar, a elaboración dunha memoria para a JAE e outras publicacións. Luis Crespí escribiu unha monografía, “Contribución al floklore gallego” no Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural e Luis Iglesias tamén presentou unha publicación nese mesmo medio, refiríndose á zona estudada como “El Parque Regional Gallego”, propoñendo a súa protección; sobre o tema publicaría outro artigo nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos. Ambos autores, Crespí e Iglesias, elaborarían, conxuntamente, un traballo titulado Los prados de las regiones media y montañosa de Galicia.

Page 14: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

Estación de Bioloxía mariña de Marín. O mar como recurso formativo e obxecto investigador.

A Estación de Bioloxía mariña de Marín foi creada en 1932 como centro dependente do Museo Nacional de Ciencias Naturales e financiada pola JAE. A elección de Marín debeuse a varias circunstancias. En primeiro lugar, o lugar está situado nunhas costas que salientan pola súa riqueza natural e clima axeitado. Asemade, Marín está próximo a unha cidade importante, Pontevedra, o que facilitaba o fornecemento da Estación. E, nesa capital residían, ou mantiñan certa influencia, importantes científicos interesados pola Bioloxía e ben relacionados cos colegas do Museo madrileño. Entre eles salientaban Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Ramón Sobrino Buhigas, Faustino Miranda e Ernesto Caballero.

Faustino Miranda González (Gijón, 1905-México D.F., 1964) fixo estudos de Ciencias Naturais, que rematou en Madrid en 1925. Estivo de bolseiro na sección de Botánica do Museo de Ciencias, entre 1928 e 1932 e tamén disfrutou dunha bolsa da JAE, para ir a Francia e realizar estudos de Ficoloxía. Permaneceu no laboratorio marítimo de Saint-Servan (Bretaña), centro dependente do Muséum National d´Histoire Naturelle de París. Catedrático de Historia Natural dos Institutos de Lugo (1932) e de Pontevedra (1933-35). Durante a estancia en Pontevedra participou moi activamente no labor da Estación de Bioloxía mariña de Marín, na que viña a exercer un certo papel director. Co inicio da Guerra Civil pasou a Barcelona, onde se alistou ao Exército da República e impartiu docencia de Ciencias Naturais no Instituto Obrero. Coa derrota fuxiu a Francia, parando no campo de concentracion de Saint-Cyprien, do que saiu pola axuda de Bibiano F. Ossorio-Tafall. En maio de 1939 marchou para México, alí puido reiniciar as investigacións botánicas, centradas no estudo da vexetacion terrestre mexicana, que co tempo o convertiron nunha das máximas autoridades na materia.

Consolidación da comunidade científica e proxectos innovadores. Novos aires na investigación e docencia científica, o cambio na Universidade.

En 1922, ¡despois de máis de cincuenta anos! volta a existir a Facultade de Ciencias, sección de Químicas. A Universidade, que ata eses tempos limitara en gran medida o seu labor á docencia, empeza a atender a investigación; desde 1923 ésta pasa a ocupar unha posición prioritaria para os profesores universitarios que optaban a unha cátedra. O labor formativo da JAE contribuiu decisivamente no artellamento dunha comunidade científica. Un proceso que xogou un notable papel na renovación do profesorado dos diferentes niveis educativos. Ese fenómeno obsérvase na Universidade de Santiago, que nese tempo xa asumiu un papel de vangarda na investigación científica no país.

A renovación pódese apreciar na Facultade de Medicina ou na de Farmacia, porén onde mellor se manifestou o cambio foi na Facultade de Ciencias, por ser de recente creación. Entre as súas aportaciones están: a extensión universitaria, a publicación de boletins (Anales de la Universidad de Santiago, 1925), o ensino activo e experimental, a incorporación dos laboratorios á

Page 15: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

práctica docente e as estancias no extranxeiro, dando continuidade ás realizadas anteriormente por medio da JAE. Finalizando esta década, a nova dinámica reforzaríase coas incorporacións de Fernando Calvet (Química Orgánica) e Martín Sauras (Química Inorgánica), nun momento favorable, pois a xestión do rector Rodríguez Cadarso e o pulo dado polos novos xestores republicanos, colaborarían no labor.

Nun exemplo de racionalización de recursos, formalizaron un plantel de xóvenes estudiantes en equipos estables de traballo que, moi pronto, pasarían a ocupar os postos docentes desde as súas escalas máis baixas, en estreita relación coa JAE. Á altura de 1936, as tres cuartas partes do profesorado desta facultade completaran a súa formación nos laboratorios da JAE e no extranxeiro, con bolsas da Junta e da propia Universidade de Santiago.

Alejandro Rodríguez Cadarso (Noia, 1887 – Lubián, 1933), foi catedrático de Anatomía Descritiva da Universidade de Santiago dende 1916. Desde 1923 presidiu o Colexio provincial de médicos de A Coruña, amosándose moi interesado pola dignificación da profisión e o impulso do asociacionismo, apoiando as “Jornadas médicas” galegas. Tamén estreitou relacións co mundo luso, creando o Instituto de Estudios Portugueses. Favorecido pola necesidade de cambio na fase final da dictadura, e co apoio do estudantado, foi nomeado reitor da Universidade en 1930. Amosouse aberto ás novas correntes ideolóxicas, republicanismo e galeguismo e acadou que a Universidade e o SEG impulsaran, coa colaboración da JAE, a creación do importante e novidos Instituto de Estudos Regionales. O Instituto incluía dous laboratorios na Facultade de Ciencias, o Consultorio de pragas (1933), dirixido por Luís Iglesias e o comentado Laboratorio de Xeoquímica (1935); ademáis, na Facultade de Farmacia creouse o Laboratorio de Bromatoloxía, dirixido por Aniceto Charro (1933). Foi elexido deputado ás Cortes Constituintes de 1931 representando á Federación Republicana Gallega. A súa figura simboliza o a renovación da Universidade e o intento de dotala de axeitados recursos e achegala ao país.

Fernando Calvet Prats (Vilafranca del Penedés, Barcelona, 1903-Barcelona, 1988), catedrático de Química orgánica desde 1929, foi figura decisiva para a consolidación dun notable grupo investigador na Facultade de Ciencias. Tiña unha salientable formación científica. Nos anos vinte estivera en Oxford, no Queens College, e nada máis aterrar en Santiago, foi cunha bolsa da Fundación/Instituto Rockefeller, outorgada pola JAE, a Múnic (Alemaña), con Wieland (Premio Nobel), acadando, despois outra para ir a Suecia, con Von Euler. Coa Guerra Civil será un dos docentes da Universidade sometido a sanción de forma exemplar. Foi destituido e cesado nos seus cargos universitarios e pasou a traballar en Zeltia (1939), onde se encargou da dirección científica e axudou á recepción de científicos represaliados. En 1942 acadaría un notable éxito n aempresa coa obtención do DDT.

Page 16: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

A Guerra Civil e a incidencia sobre o labor da JAE en Galicia. Unha creba e volta á tea de Penélope.

A acción da JAE en Galicia contribuiu de xeito substancial a dinamizar a actividade científica. A formación de especialistas e creación de institucións supuxo un cambio cualitativo no panorama científico do país, permitindo a constitución de equipos de investigación, creación de novas liñas de traballo e aumento singular dos contactos coas vangardas científicas mundiais, nun crecemento espectacular das redes de coñecemento. Iso contribuiu decisivamente á consolidación dunha comunidade científica imprescindible para o funcionamento dunha sociedade moderna.

O golpe fascista de 1936 incidiu de xeito brutal en todo ese valioso entramado de excelencia que tanto se fixera agardar e que requirira numerosos esforzos. Desapareceu o sistema de bolseiros, a Comisión de Estudios e o Seminario de Estudos Galegos. As institucións quer permaneceron “adaptáronse” aos novos tempos; víronse afectadas nos seus planos de actuación, coa eliminación de proxectos renovadores, e pola persecución dalgúns dos seus membros. As redes de coñecemento perderon consistencia; a iso contribuiu a autarquía posterior, polo que foi necesario que pasaran algúns decenios para igualar o nivel científico acadado nos anos trinta.

Na Universidade compostelana grande parte do novo profesorado da Facultade de Ciencias, e algún doutras facultades, veriase apartado da docencia ou sancionado polos tribunais especiais. Un dos casos máis salientables de marxinación foi o do xeólogo Isidro Parga Pondal, expulsado pola acusación de seren galeguista e esquerdista; o iniciador dos estudos de Xeoquímica en Galicia foi quen de repóñerse e crear, por conta propia, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, base do coñecemento moderno da Xeoloxía galega e traballar para diversas empresas.

No ámbito da investigación e divulgación agraria e pecuaria a represión levou, entre outras cousas, ao desartellamento da rede societaria renovadora e afectou ao labor de autores cun certo compromiso democrático. O veterinario Juan Rof Codina e o grande patólogo vexetal Juan Rodríguez Sardiña foron desterrados. A tendencia ideolóxica de Cruz Gallástegui e outros investigadores agrarios, social-católicos, evitou sancións. Aínda así, só a intervención de personaxes influintes da sociedade pontevedresa, membros do Padroado que rexía a Misión, impediu que Gallástegui sufrira represalias directas, pero durante a Guerra civil a institución sobreviviu en condicións precarias e Gallástegui debeu soportar as presións de falanxistas e a desaparición do Sindicato de Productores de Semillas, absorbido polo sindicato agrario vertical en 1945.

Unha parte dos galegos formados pola JAE, ou docentes e/ou investigadores foráneos no país, deberon fuxir cara o exilio. Tal foi o caso de Antonio Baltar e Gumersindo Sánchez-Guisande (Arxentina), Alejandro Otero, Faustino Miranda, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Francisco Giral e Carlos Velo (México), Leoncio Jaso Roldán, José María Souto Candeira (Venezuela), Paulino Suárez (Cuba) e Manuel Martínez-Risco (Francia). A outros tocoulles vivir o exilio interior. Así lle

Page 17: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

aconteceu a Antonio Rodríguez Darriba, Gonzalo Gurriarán, José Goyanes González, Miguel Crespí Jaume e Luis Crespí Jaume. Uns poucos poderon refacer a súa vida profesional en singulares centros, como os Laboratorios Zeltia (Fernando Calvet) ou Orzán (José Goyanes) e, mesmo, crear institucións tan relevantes como o Laboratorio Xeolóxico de Laxe (Parga Pondal). E bastantes deberon sobrevivir no seo das institucións (Universidade, Misión biolóxica, Estación de Fitopatoloxía, etc.), soportando marxinacións.

O Seminario de Estudos Galegos foi eliminado e moitos socios resultaron asesinados, represaliados ou tiveron que exiliarse. A Universidade ocupou os locais e decidiu, da man do reitor Ruíz del Castillo, proceder á incautación dos fondos do SEG en 1940. O socio Xesús Carro, testemuña dos feitos, afirma “(…) El Seminario se ha extinguido porque lo han querido así los enemigos de él emboscados en la Universidad compostelana”. Anos despois, 1943, algúns socios do antigo SEG non depurados solicitaron ao ministro Ibáñez Martín que o CSIC creara, no seu seo, o que sería o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, que contou con restos do patrimonio do vello Seminario; trátase, pois, dunha institución diferente, xurdida ao abeiro do franquismo. Canto ás circunstancias da extinción, o SEG andaba á procura dun local e, como vimos, pedira a Juan López Suárez, a súa mediación para o aluguer dun edificio na Algalia. Posteriormente, decide solicitar ao reitor a cesión dalgún espacio, e por un oficio de outubro o Ministerio de Instrucción Pública autoriza á Universidade de Santiago a atender á petición. A Universidade cédelle ao SEG varios locais da pranta baixa do edificio do Colexio Fonseca, concretamente o salón artesonado, onde se ubicarán as coleccións, e outras dependencias, nas que instalarán a Biblioteca e a Sala de Traballo). No mesmo edificio de Fonseca desenvolvía a súa actividade académica a Facultade de Farmacia. Carro fala de que o 21 de setembro de 1936 houbo unha denuncia contra o SEG dun catedrático da Facultade de Farmacia, que repetiría o 5 de outubro. Efectivamente, no libro de Rexistros da Facultade de Farmacia hai unha carta dirixida á Comandancia Militar de Santiago, en 5 de outubro de 1936, na que se pide: Que por insuficientes locales para laboratorio militar, sean desalojados los Estudios Gallegos. O certo que o Laboratorio Farmacéutico Militar instálase en Fonseca e ten como director a Luis Máiz Eleizegui, farmaceútico militar, sobriño de Antonio Eleizegui López, decano da Facultade e subdirector do Laboratorio. O propio Luis Máiz conta que se retirou do Exército nos anos da República e que “Al iniciarse el Movimiento gestionó con el Decano de Farmacia la instalación de un Laboratorio militar en la Facultad de Santiago, que dirigió de 1936 a 1939”. Parece, pois, que estes dous farmaceúticos de dereitas tiveron que ver coa expulsión do SEG dos locais universitarios co argumento de necesitalos para o Laboratorio militar.

Zeltia. A Laboratorios Miguel Servet de Vigo (“Instituto Bioquímico”) incorporaríase o profesor Fernando Calvet como director técnico, no remate do curso 1935-36. Cando ten lugar a rebelión militar, a xerencia rexistra en Portugal unha empresa co nome de Zeltia. Conseguira, entre outras, unha concesión para sementar plantas medicinais na zona do Porriño. Alí coincidiu coas actividades empresariais dunha singular familia, os Fernández. Da relación de Obella cos Fernández xurdiría a nova Zeltia. Calvet, na orde

Page 18: Junta ampliacion de estudios juan lópez suárez galicia

RedactorXosé A. Fraga Vázquez

Debuxante

Fotografía

Deseño

Edición

científico-técnico, José Fernández na comercial mercantil, coa axuda de Fidel Isla Couto e Obella no empresarial específico aportando ideas, serían as persoas claves no nacemento desa nova empresa Zeltia, constituida no Porriño o 3 de agosto de 1939. A empresa serviu de acubillo de moitos represaliados. Tentaron de “recuperar” a investigadores que quedaron en España e que naquel momento estaban apartados da súa actividade profesional e inhabilitados, e, nalgún caso, que aínda estaban cumprindo condenas. E así foron chegando diversos científicos á empresa.

Ficha Técnica