Os itinerarios de inserción socio laboral

8
“Os itinerarios de inserción e integración socio-laboral como alternativa nun momento de crise económica” Santiago González Avión Director de EAPN-Galicia Limiar: Perdemos a búxola O contexto de crise non modificou en absoluto as intuicións fundamentais en que se baseaban as metodoloxías de inserción socio- laboral que viñamos poñendo en práctica desde o Terceiro Secor de Acción Social. Nin tampouco as metodoloxías vinculadas, de forma básica, con esas intuicións. Como queira que todas as que estamos aquí coñecemos ben ambas cuestións (as intuicións e as metodoloxías), non centrarei a miña intervención no obvio -a metodoloxía dos itinerarios-, senón nas cuestións que suscita a crise arredor dos nosos proxectos, que en último termo son a consecución dunha sociedade máis xusta e máis humana. Precisamente, a miña primeira reflexión xira arredor da utopía e das súas mediacións concretas. Cando estabamos en plena expansión do emprego, e xa superamos os 20 millóns de ocupados, quen daquela era o meu colega de Andalucía, Humberto García, na actualidade subdirector de desenvolvemento organizativo da Fundación Secretariado Gitano, propúxome a cuestión de forma descarnada: “en que sociedade estamos insertando á xente?, nunha na que o sentido da vida é o consumo? na que o sentido do traballo é gañar diñeiro? unha sociedade que está a consumir no presente os recursos das xeracións vindeiras?” Estas preguntas ecoan hoxe con moita máis fondura, toda vez que é evidente que o benestar da primeira década do século XXI foi construído non só hipotecando os recursos naturais que lles corresponden ás xeracións por vir 1 , senón que tamén estabamos hipotecando a vivenda, o automóvil e outros produtos de consumo que, se ben responden a necesidades obxectivas, a forma de cubrir esas necesidades, fixeron que o consumo privado fose o gran mecanismo xerador da débeda privada que ameaza comerse o conxunto do erario público e a que queríamos que fose a “sociedade do benestar”. Convén non perdelo de vista para non seguir culpando ao goberno de 1 Cuestión que aínda hai que se atreve a negar. Sobre o negacionismo, especialmente no tocante ao cambio climático, hai abundante bibliografía. Para un planeamento da cuestión de longo percorrido cf. Los límites del crecimiento, 30 años después, Círculo de lectores, Barcelona 2009. 1

Transcript of Os itinerarios de inserción socio laboral

Page 1: Os itinerarios de inserción socio laboral

“Os itinerarios de inserción e integración socio-laboral como alternativa nun momento de crise económica”Santiago González AviónDirector de EAPN-Galicia

Limiar: Perdemos a búxolaO contexto de crise non modificou en absoluto as intuicións fundamentais en que se baseaban as metodoloxías de inserción socio-laboral que viñamos poñendo en práctica desde o Terceiro Secor de Acción Social. Nin tampouco as metodoloxías vinculadas, de forma básica, con esas intuicións.Como queira que todas as que estamos aquí coñecemos ben ambas cuestións (as intuicións e as metodoloxías), non centrarei a miña intervención no obvio -a metodoloxía dos itinerarios-, senón nas cuestións que suscita a crise arredor dos nosos proxectos, que en último termo son a consecución dunha sociedade máis xusta e máis humana.Precisamente, a miña primeira reflexión xira arredor da utopía e das súas mediacións concretas. Cando estabamos en plena expansión do emprego, e xa superamos os 20 millóns de ocupados, quen daquela era o meu colega de Andalucía, Humberto García, na actualidade subdirector de desenvolvemento organizativo da Fundación Secretariado Gitano, propúxome a cuestión de forma descarnada: “en que sociedade estamos insertando á xente?, nunha na que o sentido da vida é o consumo? na que o sentido do traballo é gañar diñeiro? unha sociedade que está a consumir no presente os recursos das xeracións vindeiras?” Estas preguntas ecoan hoxe con moita máis fondura, toda vez que é evidente que o benestar da primeira década do século XXI foi construído non só hipotecando os recursos naturais que lles corresponden ás xeracións por vir1, senón que tamén estabamos hipotecando a vivenda, o automóvil e outros produtos de consumo que, se ben responden a necesidades obxectivas, a forma de cubrir esas necesidades, fixeron que o consumo privado fose o gran mecanismo xerador da débeda privada que ameaza comerse o conxunto do erario público e a que queríamos que fose a “sociedade do benestar”.Convén non perdelo de vista para non seguir culpando ao goberno de

1 Cuestión que aínda hai que se atreve a negar. Sobre o negacionismo, especialmente no tocante ao cambio climático, hai abundante bibliografía. Para un planeamento da cuestión de longo percorrido cf. Los límites del crecimiento, 30 años después, Círculo de lectores, Barcelona 2009.

1

Page 2: Os itinerarios de inserción socio laboral

cuestións das que os primeiros responsables foron os bancos e os reguladores financeiros, pero dos que os segundos fomos o conxunto da cidadanía, que dunha forma maioritaria prefire transferir esa responsabilidade en exclusiva ao ricos, aos especuladores ou, a maioría sociolóxica, ao goberno de Zapatero.Daquela, a miña resposta ao cuestionamento foi que cada quen ten que ser dono do seu proceso, que nas nosas mans está crear oportunidades, pero que o sentido quen o crea é cada quen. Contra o que Humberto retrucou que tamén as organizacións sociais crean propostas de sentido, que as metodoloxías e as formas de actuación tamén soportan e transmiten valores, e que éstes non son puramente crenzas individuais, senón construccións sociais.Coido que para falar de itinerarios, convén reter este debate como marco e como cuestionamento permanente do que estamos a facer e do que queremos conseguir.

Os colectivos con dificultadesDesde EAPN, o mesmo que desde Cáritas e desde outras instancias, viñamos insistindo na necesidade de aproveitar os tempos de bonanza económica para xerar un sistema de protección social moito menos “familista” do que viña sendo tradicional. Cómpre aclarar que “familista” significa baseado na solidariedade “mecánica” das familias (na tradicional diferencia durkheniana entre solidariedade “mecánica” comunitaria e solidariedade “orgánica” -organizada- societaria). Pero a realidade foi outra. Os tempos de expansión fixeron máis fráxiles ás familias, tanto desde o punto de vista da súa estrutura financeira como desde a estrutura das relacións, pero os niveis de protección, nomeadamente das familias e da infancia, lonxe de converxer, situaronse na cola da Europa dos 15, e en postos preocupantes da Europa dos 25. A cambio, a expansión económica creou unha expansión inaudita do emprego na sociedade española, e con ela, os itinerarios de inserción foron subsidiarios da capacidade de absorción do propio mercado.En certa forma, lonxe dos procesos de longa duración que aparecían nos nosos manuais, estabamos a vivir en procesos de moi corto percorrido, que eran retroalimentados cos períodos de desemprego. Estes servían para coller folgos e proxectar novas experiencias de éxito. En ocasións, estas experiencias eran acompañadas. Pero moita xente en situación de vulnerabilidade social aprendeu rapidamente os mecanismos do mercado de traballo expansivo e tiveron un rápido éxito.Agora as cousas cambiaron considerablemente. As cifras son as seguintes: pasamos de ter máis de 21 millóns de ocupados en 2007, antes da creba de Lehman Brothers a ter pouco máis de 18 millóns. Hai, daquela, tres millóns cumpridos de persoas que traballaban e non están a traballar. Debemos ser conscientes de que houbo saídas do mercado de traballo (xubilacións, retorno de inmigrantes), pero tamén incorporacións. E que algunhas destas foron exitosas, polo que a distancia entre os datos de 2007 e os de 2011 é maior que a expresada linealmente. En calquera caso, tres millóns é un datos firme. O segundo dato importante é que daquela querían traballar e non podían

2

Page 3: Os itinerarios de inserción socio laboral

pouco máis dun millón e medio de persoas (que xa era bastante, pero que constituía a taxa menor da nosa historia laboral moderna); agora son cinco millóns as persoas que queren traballar e non poden. Son o millón e medio que xa estaba en paro, os tres millóns que ficaron sen traballo e outro medio millón que trata de incorporarse para compensar a perda de capacidade adquisitiva procedente do desemprego e a falta de protección social.Para completar o panorama temos que mentar que, a pesar dos agudos procesos de retorno de certos países, especialmente os de economías emerxentes que están resultando exitosos no medio da crise; a pesar do freo do efecto reclamo e dos maiores controis nas fronteiras, xunto coas campañas de disuasión en orixe, hai unha cantidade importante de inmigrantes que viñeron para contribuír á expansión económica nos tempos das vacas gordas e que ficaron atrapados nos tempos das vacas fracas, que ven como minguan os seus dereitos e os servizos que reciben, e como son culpabilizados da falta de traballo e da precariedade dos recursos públicos, cando seguen a formar parte do que Marx chamaba “o exército de reserva” do capitalismo, e cando a nosa estratexia reprodutiva (no dobre sentido biolóxico e sociolóxico) depende deles.A outra reflexión importante, para atender á cuestión dos itinerarios que propopemos, e das utopías que percisamos, é a cantidade de fogares con todos os seus membros en situación de desemprego. Xa na anterior crise do emprego, a correspondente aos anos 1992-93, o padrón máis resistente ao cambio da tendencia ocupacional foi o número de fogares con todos os seus membros en desemprego. Tardouse un lustro en estabilizar a cifra claramente por baixo do millón de fogares.Daquela eramos unha sociedade con moitas menos persoas ocupadas: chegamos a baixar dos doce millóns de persoas. Só que a capacidade de crecemento da economía e do emprego estaba no marco de estabilidade da que nos dotaramos, e que se trataba dunha sociedade financeiramente saneada. Agora, cunha taxa de ocupación maior, non podemos tirar do endebedamento público (e privado) para crear emprego con comodidade, porque, como dixen, temos o futuro hipotecado.Pero imos á cuestión dos fogares en relación coas oportunidades de emprego. Unha sociedade familista sitúa a responsabilidade de atopar emprego, mesmo na Administración Pública ou nas grandes empresas, no marco das estratexias familiares. Por iso, é no emprego onde máis se nota o “efecto Mateo” (Mt 13, 12): a quen ten, daráselle; pero a quen non ten, mesmo o que ten váiselle quitar. O número de familias nesta situación é de 1.425.200 (un 10,28% do total). Desde o meu punto de vista, o reto dos itinerarios de inserción socio-laboral céntranse neste colectivo (que, no mellor dos casos ronda os tres millóns de persoas). E non nos que acumulan maior extensión da pobreza, que son os maiores e os menores, por ese orde. É máis, a nosa hipótese é que son os menores que residen neses fogares, porcentualmente sobrerrepresentados sobre o conxunto dos menores, os que acumulan maior risco presente e futuro, polo que cómpre reflexionar fondamente se queremos quebrar o círculo da reprodución interxeneracional da pobreza.

3

Page 4: Os itinerarios de inserción socio laboral

Inserción socio-laboralAgora estamos en disposición de entender o que significa o proceso de inserción socio-laboral desde o punto de vista actual. Coido que todas comprendemos a diferenza entre a inclusión social e a inserción laboral. Mentres que a primeira fala de forma ampla de participación na sociedade (saúde, educación, vivenda, emprego, cultura e relacións sociais, ademais de niveis de renda aceptables e de dereitos de cidadanía) a segunda fala de permanencia activa no mercado laboral durante un período prolongado de tempo (en ningún caso inferior aos seis meses continuados (durante un ano) ou un ano discontinuado nun prazo de dous anos.Falamos de inserción socio-laboral porque as principais dificultades (que non teñen orixe idiosicrático) para lograr a inserción laboral son de índole social. Daquela, unha intervención exclusiva no ámbito laboral (orientación, intermediación, seguimento no emprego) non é efectiva cando o déficit é anterior. E non só de carácter formativo, nin no ámbito da experiencia, cuestións ambas que poden ser acompasadas coas intervencións clásicas no emprego, senón cando faltan habilidades básicas e habilidades sociais (tantas veces confundidas popularmente), relacións sociais e familiares , cando non hai referencias no contorno, cando os mercados de traballo non son accesibles, porque existen barreiras físicas, sociais ou culturais... Neses casos, enfrontamos a necesidade de realizar unha intervención social que rache todas esas barreiras de forma holística e tamén de forma individualizada.

Os itinerariosAgora é cando podemos dicir unha palabra sobre os itinerarios. O cambio de contexto e as problemáticas sociais que afrontamos deben levarnos a complementar o que xa viñamos facendo con tres elementos metodolóxicos que son máis elementos previos do que instrumentos de traballo. Trátase de tomar en conta a necesidade de crear lazos sociais, en todos os sentidos; de considerar os factores legais e culturais que actúan sobre as minorías e os seus niveis de expectativas sobre a sociedade no seu conxunto e sobre o mercado laboral en particular; e de activar todos aqueles recursos de capacitación que están implícitos ou explícitos, patentes ou latentes tanto no currículo como na carreira profesional das persoas que sofren a exclusión do mercado de traballo.As dúas primeiras afirmacións poden agruparse nun convencemento: cómpre relacionar os itinerarios individualizados de inserción coa lóxica comunitaria. Ora ben, se con anterioridade fixemos referencia á necesidade dunha solidariedade orgánica como substitución da solidariedade mecánica, estamos incorrendo en contradiccións? Entendo que non. As sociedades modernas precisan de lazos comunitarios. Pero eses lazos non deben ser exclusivamente identitarios (e polo tanto, construídos socialmente desde unha solidariedade mecánica).Por iso, a primeira dimensión do desta proposta que enlaza o

4

Page 5: Os itinerarios de inserción socio laboral

individual co comunitario consiste en crear lazos o máis amplos posible. Trátase de incrementar o número de relacións sociais actuais e, mediante a onda expansiva das mesmas, as relacións interpersoais posibles para o futuro. A principal característica que definía ás sociedades postmodernas (nas visións de J.-F. Lyotard e de G. Vattimo) era a posibilidade de acceso universal e democrático á información. Esa posibilidade existe na teoría na actualidade. Pero as persoas que sofren exclusión social non poden facer real, actual, ese acceso á información. E non só por mor da fenda dixital, que é unha das formas máis preocupantes de desigualdade nas sociedades postindustriais. Sobre todo, é unha consecuencia da falta de significado da información. Son os contextos vitais os que dan significado á información. E eses contextos vitais están condicionados polos contextos socio-culturais e polas relacións interpersoais. Dito de outra maneira, os significantes que non nacen das relacións inmediatas, comunitarias e presenciais, poden chegar a aparecer coa persenza de persoas alleas a ese contexto que vitalmente se fan significativas. Por tanto, crear enlaces (virtuiais e reais) é unha versión postmoderna da pretensión do raposo (no libro Le Petit Prince) de crear lazos. A segunda dimensión á que aludía trata de evitar a fenda social creada pola dobre dimensión da pertenza e a exclusión. Esta cuestión ten a maior relevancia nas sociedades complexas, ata o punto de que os observadores máis agudos da realidade mundial entenden que é un reto que está presente a nivel local pero que determina tamén a dialéctica da convivencia a nivel mundial. As persoas que carecen de pertenza algunha e que fican abandoadas á súa sorte nas sociedades complexas, están máis desasistidas que as pertencentes a contornos comunitarios ben definidos. Estes últimos colectivos evitan a anomia. Pero, mentres que as persoas sen un fogar simbólico (e moitas veces sen fogar real), entran en procesos de degradación e de forte marxinalidade ou acaban acolléndose aos “fogares artificiais” que lles ofrecemos, e onde fan itinerarios completos que son a un tempo formativos e simbólicos, de capacitación laboral e de aprendizaxe da cidadanía, os colectivos con identidades fortes e con trazos de exclusión social apostan por discursos maniqueos nos que son eles son os (únicos) esquecidos da historia, de forma inxusta. E a súa promoción social coincide coa liberación dos valores e das formas de organización da sociedade occidental. Estes grupos sitúanse no extremo oposto á anomia: rexen dentro deles unhas leis fortes e inexorables, que van desde o control da actividade propia ao control social de todas as persoas relacionadas de forma familiar ou comunitaria con ese núcleo de organización. Realizar itinerarios pasa por rachar a exclusividade das relacións intragrupais. Non se trata de rachar a lóxica da solidariedade paritaria entre as persoas que máis sofren na sociedade. Trátase de evitar discursos e prácticas sociais conducentes á creación de ghettos, que funcionan como bombas de reloxería desde o punto de vista da inclusión social. Por último, e isto enlaza co corazón da estratexia Europa 2020, hai que activar todas as capacidades das persoas arredor de procesos de

5

Page 6: Os itinerarios de inserción socio laboral

capacitación. E hai que considerar que cando falamos de capacitación estamos a falar de formación ou de educación (máis do segundo que simplemente do primeiro). Só que o facemos desde o dobre punto de vista do empoderamento (“somos capaces”, “podemos!”) e do desenvolvemento das capacidades. O elemento que resulta irrenunciable cando falamos de itinerarios de inclusión é a “pedagoxía do oprimido”, como expresión da pedagoxía da liberación de Paulo Freire: non hai persoas - problema e persoas - solución. Mentres a prática da formación e da capacitación estea presa desa óptica, o que faremos será reproducir un esquema no que o saber é unha forma de ter ou de poder, que cando se difunde, pérdese. A óptica correcta é que as persoas teñen en si as capacidades para resolver os seus problemas. Só fai falta que aprendan a ler a súa realidade de forma correcta e a darlle as respostas acordes con esas capacidades. So que, e isto continúa formando parte da pedagoxía irrenunciable de Freire, “ninguén aprende só; ninguén aprende de outro: aprendemos xuntos”.Non quero determe moito máis neste punto, pero cómpre relacionar esta cuestión de fondo co que as metodoloxías de inserción socio-laboral de matriz norteamericana denominan carreira profesional ou, simplemente, carreira. Este concepto, que dista moito do noso académico, fai referencia ao conxunto de actividades e de capacidades que desenvolve unha persoa ao longo da súa vida. No momento actual é de vital importancia que as carreiras sexan consideradas en toda a súa amplitude, tanto no que teñan de concentradas arredor de poucas capacidades e competencias profesionais, como no que teñan de dispersas. Se non somos quen de manexar coherentemente este concepto de carreira, as opcións básicas das que falaba no párrafo anterior corren o risco de ficar na sombra.

Algúns elementos facilitadoresAgora estamos en disposición de atender aos elementos facilitadores que considero claves neste momento, a diferenza dos caraterísticos do anterior período expansivo, que son a formación, as prácticas en empresas e as empresas de inserción. - FormaciónA formación, entendida como un momento particular dentro dun proceso educativo máis amplo que denominei “capacitación”, constitúe un momento moi importante na activación e no recoñecemento das capacidades. Na súa activación, porque debe despertar capacidades que estaban latentes pero que aínda non atoparan un canle polo que discorrer. No seu recoñecemento, porque moitas veces as capacidades existen pero non se poden acreditar, polo que, a falta de outras modalidades de recoñecemento, pode ser oportuno acudir a modalidades máis ou menos formais de ensino e aprendizaxe. Modalidades que, ás veces, tamén serven para sistematizar os saberes e para reforzar as destrezas.Por suposto, hai actividades que son calificadas como informais ou non-formais que son perfectamente formativas desde o punto de

6

Page 7: Os itinerarios de inserción socio laboral

vista que estamos a empregar. Mentres que outras, que teñen plena validez e recoñecemento, por veces carecen dos mínimos para despertar e sistematizar as capacidades das persoas. Isto non é un alegato en contra dos actuais sistemas. Pero, en xeral, teñen a pexa dun forte peso de elementos burocrático-administrativos, mentres que a capacidade de adaptación (ás persoas e aos mercados) é claramente menor. - Prácticas en empresasAs prácticas en empresas é unha modalidade que xa se viña empregando e que recupera o espírito dos aprendizes doutrora. Aínda que moitas veces non dan como resultado inmediato a contratación (e menos aínda a inserción laboral) teñen a virtude de axudar a crear lazos plurais con persoas e con organizacións que a persoa, noutro contexto, non sempre podería lograr (e, por veces, non pode nin soñar). Ademais de poñer ás persoas en contacto con outras culturas sociais e profesionais. - Empresas de inserciónPor último están as empresas de inserción. Sendo a temática da xornada que nos ocupa, e non sendo eu un experto na materia, renuncio a afondar nelas. Só dicir que a situación actual non permite que certos sectores sociais poidan sequera soñar cunha inserción laboral de curto percorrido. E que as cláusulas sociais na contratación pública antes chegan a colectivo doados de definir desde o punto de vista legal e da igualdade de oportunidades (vítimas de violencia, persoas con discapacidade) que non ao conxunto das persoas, familias e colectivos sociais máis afastados do emprego. Para rachar o dobre círculo da descualificación procedente de carreiras profesionais truncadas ou nin sequera iniciadas, e do illamento social, as empresas de inserción constitúen unha ferramenta de primeiro orde para lograr a habilitación e capacitación.Por suposto, non se trata de substituír ás outras ferramentas e aos outros elementos que integran os itinerarios de inserción laboral. Se así fose, e non houbese procesos fortes de orientación laboral e de acompañamento de cara ao emprego, estaríamos ante un atallo, non ante un método. Pero cando os problemas arrecian e o mercado normalizado de traballo non só non vai facer de provisor deses ben escaso, senón que mantén á marxe a unha cantidade demasiado importante de persoas, as empresas de inserción son un mecanismo máis para dar permeabilidade ao mercado e oportunidades ás persoas.

Conclusión: a irrupción da utopíaFalaba da utopía ao comezar. Quero referirme a ela para rematar. Cando o soño do paraíso na terra que representaba o comunismo soviético se esfarelou, comezou a desaparecer a principal utopía laica do século XX, coas súas virtudes e os seus defectos.Naquel intre, fronte aos predicadores do fin da historia, quen reivindicaba a vixencia da utopía comezou a falar de que ésta, nas condicións actuais, non podemos contar con que irrompa de forma xeral

7

Page 8: Os itinerarios de inserción socio laboral

para todo o mundo (no sentido estricto e non figurado do termo). Daquela, ao que podemos e debemos aspirar e a realizar xestos que indiquen o camiño da igualdade e da xustiza.O traballo en itinerarios de inserción socio-laboral, coas súas limitacións certamente pesadas, é unha das formas actuais de facer presente, de forma incipiente, fráxil e sinxela, esa utopía á que aspiramos.

8